A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia celebrará en setembro unha xornada sobre a balneoterapia na recuperación da saúde trala pandemia

A balneoterapia preséntase como unha alternativa eficaz para tratar as secuelas respiratorias, cansanzo crónico, dificultades motoras e ata os trastornos psicolóxicos derivados da COVID-19

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2021 (Vía Láctea Comunicación).- A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia leva 11 anos formando aos futuros médicos na cura termal e difundindo entre a sociedade o valor actual das augas mineromedicinais na prevención e tratamento das enfermidades. A Comisión de Dirección da Cátedra vén de reunirse para aprobar a memoria de actividades e económica correspondente ao curso 2019-2020 e aprobar a proposta para este curso.

Neste encontro online participaron o director da Cátedra, o doutor Juan Gestal; o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor; a directora médica de Caldaria Termal, Dolores Fernández; o director médico do Balneario de Augas Santas, Antonio Freire; o director médico do balneario de Tui, Elías Festa; a directora médica do balneario de Mondariz, Laura Gómez; os directores do balneario de Lugo-Termas Romanas, Antonio Garaloces e Carmen Garaloces; e o director do balneario de Carballo, José Ramón Fernández.

No que vai de ano xa se executaron varios proxectos, entre eles unha nova edición do ciclo “A saúde é o que importa”, destinado a afondar no valor terapéutico actual da cura balnearia, coa participación de especialistas sanitarios de recoñecido prestixio. Ao longo de tres sesións, abordáronse as indicacións da cura balnearia para o tratamento da psoríase, os eccemas e outras doenzas da pel; o tratamento dos problemas psicosomáticos da pandemia; e a importancia da balneoterapia para tratar os trastornos da motricidade e problemas neuro-ortopédicos. Así mesmo, a Cátedra impulsou un curso de onco-balneoterapia centrado nos coidados dos pacientes sobreviventes do cancro na contorna termal, que tivo lugar no Talaso Atlántico de Oia.

Por outro lado, distribuíuse o “Vademécum das augas mineromedicinais de Galicia”, editado pola Cátedra, en todos os hospitais da comunidade galega para a súa entrega ás novas promocións de MIR das especialidades de Medicina Familiar e Comunitaria, Pediatría, Dermatoloxía, Pneumoloxía, Reumatoloxía, Traumatoloxía e Rehabilitación.

Os balnearios na recuperación da saúde trala pandemia

En setembro vaise celebrar unha xornada científica sobre a “Importancia dos balnearios na recuperación da saúde trala pandemia”. Desenvolverase no marco de Termatalia, a 20ª Feria Internacional do Turismo Termal, Saúde e Benestar, que terá lugar en Expourense a mediados de mes.

Durante a xornada afondarase no tratamento balneoterápico das secuelas respiratorias, do aparato locomotor e psicolóxicas pos-COVID. Nesta liña, o doutor Juan Gestal salienta que e “a cura balnearia pode axudar á capacidade natural de recuperación do organismo, máxime para restablecerse de moitos dos problemas de saúde sufridos durante a pandemia, como é o caso das secuelas respiratorias, cansanzo crónico, dificultades motoras e musculares… ata trastornos psicolóxicos derivados da enfermidade ou do estrés ocasionado pola mesma”. Tamén se incidirá na importancia de recuperar os hábitos saudables tras a COVID-19.

Vanse elaborar protocolos para o tratamento balneoterápico das secuelas respiratorias, do aparato locomotor e psicolóxicas da pandemia

Ao longo dos meses de setembro e outubro terán lugar os “Seminarios de fin de semana nos balnearios” para os alumnos de último curso da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago. Terán lugar nos balnearios de Arnoia, Mondariz, Augas Santas, Termas Romanas de Lugo e Laias.

O director da Cátedra sinala que despois do verán está previsto presentar o libro “Balnearios en los Caminos de Santiago en Galicia”, ademais da edición dun libro homenaxe das tres universidades galegas ao profesor José Carro Otero con motivo do seu recente pasamento.

Por outro lado, vanse elaborar protocolos para o tratamento balneoterápico das secuelas respiratorias, do aparato locomotor e psicolóxicas da pandemia.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: , , , ,