Talaso Atlántico

A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia reunirá a sanitarios, docentes e pacientes para conmemorar o Día Mundial do Supervivente do Cancro

A xornada centrarase no coidado do paciente oncolóxico no contorno termal

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurará o evento, que se celebrará o 4 de xuño no Talaso Atlántico de Oia

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2021 (Vía Láctea Comunicación).- Con motivo do Día Mundial do Supervivente do Cancro, que este ano se conmemora o 6 de xuño, a Cátedra de Hidroloxía Médica Universidade de Santiago-Balnearios de Galicia promove unha xornada centrada en “O coidado do paciente oncolóxico no contorno termal”. O encontro, que terá lugar no Talaso Atlántico de Oia o vindeiro 4 de xuño, será inaugurado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Salvador Ramos, director médico do centro de talasoterapia Talaso Atlántico
Salvador Ramos, director médico do centro de talasoterapia Talaso Atlántico

Na xornada intervirán Manuel Constenla, xefe do Servizo de Oncoloxía do CHU de Pontevedra, Montecelo; Salvador Ramos, director médico do centro de talasoterapia Talaso Atlántico; Eduardo Ortega Rincón, catedrático de Fisioloxía da Universidad de Extremadura; o doutor Juan Gestal, director da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia; Lourdes Vázquez Odériz, catedrática de Nutrición e Bromotoloxía da Universidade de Santiago; ou Teresa Pacheco, directora da revista Tribuna Termal, entre outros especialistas procedentes de diferentes puntos de España e Portugal.

No transcurso da xornada, os diferentes expertos e participantes abordarán o cancro como “un problema sociosanitario de extraordinaria magnitude” e centraranse nos superviventes a esta enfermidade como “un reto asistencial”. Porase de relevo o efecto inmunomodulador da cura balnearia e achegaranse aos centros termais como modelo para crear un “terceiro espazo” dentro da atención integral ás persoas afectadas de cancro, como “paisaxes terapéuticos” e “entornos naturais saudables”. E destacarase á comunidade galega como pioneira neste eido.

No conxunto de España, a supervivencia do cancro sitúase entre o 55,5 % no caso dos homes e no 67,7 % no das mulleres. O encontro servirá para medir a situación actual dos superviventes a esta enfermidade, que se presenta como novo reto asistencial do sistema sanitario español.

Categorías: Notas de prensa | Etiquetas: , , , , ,