A primeira xornada deste ano, que terá lugar a vindeira semana, abordará os beneficios da balneoterapia para tratar a psoríase, os eccemas e outras doenzas da pel
É unha iniciativa da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia
Santiago de Compostela, 5 de abril de 2021 (Vía Láctea Comunicación).- A Cátedra de Hidroloxía Médica Universidade de Santiago-Balnearios de Galicia arranca con novas sesións do ciclo “A saúde é o que importa”, iniciado no ano 2019, destinado a difundir entre a sociedade o valor terapéutico actual da cura balnearia.

A primeira sesión deste ano terá lugar a vindeira semana, o martes 13 de abril. Debido á actual situación sanitaria provocada pola COVID-19, vaise celebrar de xeito online, a partir das 19:00 horas. O público interesado poderá participar na mesma a través do enlace https://youtu.be/GqI8hBs0CIo.
Esta primeira charla será impartida pola doutora Virginia Fernández Redondo, catedrática de Dermatoloxía da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago. Abordará as indicacións da cura balnearia para o tratamento da psoríase, os eccemas e outras doenzas da pel.
Unha vez rematada a charla, terá lugar un coloquio posterior co público participante. Estará moderado polo director da Cátedra, o doutor Juan Gestal.
O doutor Gestal sinala que “o obxectivo principal deste ciclo é dar a coñecer entre o conxunto da poboación as indicacións médicas que a balneoterapia ten na actualidade, coa participación de especialistas sanitarios de recoñecido prestixio”. E salienta que esta actividade vén a complementar ao Vademécum de augas mineromedicinais de Galicia, que se distribúe entre os médicos e que reúne as indicacións terapéuticas das diferentes aguas dos balnearios galegos.
“Hoxe en día estase a volver de novo, e cada vez máis, ao uso da balneoterapia como tratamento exclusivo ou coadxuvante doutros tratamentos médicos ou mesmo exclusivo. Isto débese en boa medida ás numerosas investigacións que permiten indicacións da balneoterapia baseadas na evidencia científica”.
-manifesta o doutor Gestal-