Permite aos médicos dispoñer de información científica sobre as propiedades das augas, unha alternativa eficaz ou complementaria aos medicamentos en certas doenzas
Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2020 (Vía Láctea Comunicación).- Hai tres anos saía á luz o primeiro “Vademecum das augas mineromedicinais de Galicia”, unha iniciativa da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia. Agora acaban de reimprimirse, por segunda vez, 3.000 novos exemplares, de grande utilidade para os médicos de atención primaria, pediatras, reumatólogos, dermatólogos, neumólogos, traumatólogos e rehabilitadores. A todos eles se lles entregaron exemplares a través das xerencias das Áreas de Saúde e, anualmente, distribúense tamén entre as novas xeracións de residentes desas especialidades.
Ata a metade do século pasado, a hidroloxía médica formaba parte dos plans de estudos da licenciatura de Medicina. Pero os avances da farmacoloxía a partir dos anos 50 desprazárona cara a un segundo plano, deixando de impartirse nas facultades españolas. Esta situación fai que os médicos apenas teñan coñecemento da cura termal, a pesar de teren que realizar cada ano máis de 300.000 informes con indicacións de tratamentos termais aos solicitantes do Programa de Termalismo Social do IMSERSO.
A través desta publicación ponse a disposición dos médicos información fidedigna sobre as principais indicacións terapéuticas actuais das augas mineromedicinais dos balnearios galegos, xunto ás súas contraindicacións, procedementos de aplicación e a súa dispoñibilidade nos diferentes centros termais da comunidade.
“A finalidade é que a información que se recolle neste vademecum facilite aos profesionais sanitarios de Galicia elementos de xuízo axeitados sobre as posibilidades terapéuticas da balneoterapia, que permita un uso maior e máis racional deste medio terapéutico.”
-explica o director da Cátedra, o doutor Juan Gestal.
O doutor salienta que “na actualidade a cura balnearia continúa a ser indiscutible como factor coadxuvante na prevención, tratamento e rehabilitación de procesos de evolución crónica como as patoloxías do aparato locomotor, entre elas o reumatismo, causante directo dun 15% do absentismo laboral en Europa. Tamén é útil para afeccións da pel, procesos inflamatorios crónicos inactivos e do aparato respiratorio e para abordar enfermidades tan frecuentes como o estrés, a astenia ou o síndrome de fatiga crónica”.
Un total de 21 balnearios galegos

O vademecum divídese en dúas partes. Na primeira preséntase a importancia terapéutica das augas mineromedicinais, a súa clasificación e mecanismos de acción, indicacións, contraindicacións e vías e técnicas de administración, así como a situación actual da investigación en termalismo e os métodos utilizados para a súa análise. Tamén se inclúe a principal normativa legal que afecta ao sector no ámbito autonómico, estatal e europeo.
Na segunda parte recóllese información de cada un dos 21 balnearios de Galicia. Na provincia da Coruña atópanse o de Carballo e o de Compostela (Brión). Na provincia de Lugo están o de Guitiriz, as Termas Romanas de Lugo, Augas Santas (Pantón) e Río Pambre (Palas de Rei). Na provincia de Ourense os de Arnoia, Baños de Molgas, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño) e Cortegada. E na provincia de Pontevedra atópanse os de Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños de Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Hotel Balneario Isla de La Toja, Gran Hotel La Toja e o Balneario de Mondariz.
De cada balneario apórtase información sobre a composición, tipo e propiedades terapéuticas das augas; principais indicacións terapéuticas, técnicas de aplicación e perfil de pacientes atendidos; así como sobre a dirección médica, períodos de actividade, instalacións hoteleiras e como contactar, xunto a un pequeno resumo da súa historia.