Doutor Juan Gestal Otero, director da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia

O doutor Juan Gestal, director da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, destaca a importancia da ventilación dos espazos pechados para reducir a transmisión da covid-19 producida por aerosois

Participou no “I Congreso Internacional sobre Auga e Saúde” en Expourense

Asegura ademais que o 44 % dos contaxios son producidos por persoas asintomáticas

Santiago-Ourense, 18 de setembro de 2020 (Vía Láctea Comunicación).- Esta semana celebrouse en Expourense o “I Congreso Internacional sobre Auga e Saúde”, un evento que substitúe a Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, que tivo que cancelar a súa edición deste ano debido á actual crise sanitaria. No marco deste congreso, participou o doutor Juan Gestal Otero, director da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia.

O doutor Gestal moderou unha mesa redonda centrada nos protocolos de seguridade e prevención en balnearios e centros termais en relación á covid-19. Na súa intervención indicou que “ao longo dos nove meses que levamos de pandemia a maneira de actuar foi cambiando a medida que o ían facendo os coñecementos que iamos tendo do virus e da enfermidade. Ao principio descoñeciamos o importante papel dos asintomáticos. Hoxe sabemos que teñen un papel moi relevante na difusión do virus, tanto é así que se estima que ao redor do 44% dos contaxios teñen lugar durante esa fase. Cando se soubo recomendouse o uso de máscara por toda a poboación e non só polos positivos, pois todos podemos ser positivos”.

Segundo o doutor, o enmascaramento colectivo en todos os lugares públicos dificulta a difusión do virus, diminuíndo o R0 ou número de reprodución, o indicador que seguen os científicos para coñecer a intensidade dunha enfermidade infecciosa e estima o número medio de casos que van ser causados por unha persoa infectada durante o período de contaxio. “Produce un efecto protector para toda a colectividade similar á protección de rabaño das vacinas” -asegurou-.

A transmisión do virus por aerosois

O doutor salientou que “cando apareceu o SARS-CoV-2 díxose que se transmitía por pingas. Se así fose a difusión actual tería que ser moito menor dado o enmascaramento colectivo. Hoxe existen moitos estudos e evidencias de que se transmite tamén por aerosois, partículas diminutas transportadas polo aire que permanecen no aire durante moito tempo e se producen cando respiramos, tusimos, falamos ou esbirramos”. Nesta liña, puxo de manifesto que “a diferenciación entre transmisión por pingas e por aerosois é algo antigo que debe revisarse e unificar en transmisión aérea, pois moitas enfermidades, como a covid-19, transmítense tanto por pingas como por aerosois”.

Gestal sinalou que os centros de control dos Estados Unidos e o Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades xa recomendan que os profesionais sanitarios adopten precaucións fronte a aerosois, utilizando respiradores FFP2 e FFP3 na atención de pacientes nos que se sospeite covid-19.

O doutor afirmou que a transmisión por aerosois fai que a ventilación dos locais e a súa climatización con sistemas con filtro de todo ou unha elevada porcentaxe de aire exterior estea a cobrar neste momento unha grande importancia. “A volta ao colexio e ás oficinas e a próxima chegada do outono vainos obrigar a desenvolver moitas das nosas actividades en locais pechados, nos que a distancia de seguridade, uso de máscara e hixiene de mans non van ser suficientes fronte aos aerosois, debendo sumarlles a ventilación e a máxima redución posible do número de persoas nos locais pechados”.

“Estamos a ver que, a pesar das medidas impostas nas residencias de anciáns, seguen a producirse brotes, seguramente porque non se adoptaron medidas de prevención fronte a aerosois: ventilación e uso de respiradores FFP2 reutilizables polas persoas vulnerables”.

-indicou o doutor Juan Gestal

Por outro lado, o doutor destacou que “o establecemento de estritos protocolos de seguridade con todo este conxunto de medidas: distancia de seguridade, evitando aglomeracións de persoas; uso de máscara e respiradores; frecuente lavado e hixiene de mans, e ventilación dos locais, xunto coa frecuente limpeza e desinfección de superficies e os controis de acceso mediante a toma de temperatura, axudarán a minimizar o risco de que se produzan brotes nos balnearios”.

Diferentes expertos abordaron as principais medidas para reducir o contaxio pola covid-19

Na mesa interviron o director xeral do Instituto para la Calidad Turística Española, Fernando Fraile, que abordou as medidas e recomendacións para a redución do contaxio pola covid-19 en balnearios. Ademais, presentouse o selo Clean & Safe Termas de Portugal. Pola súa parte, a doutora Dolores Fernández Marcos, directora médica de Caldaria Termal, especialista en Hidroloxía Médica, explicou os protocolos que se están a seguir nos hoteis e balnearios do grupo en Galicia. Tamén se achegou a experiencia de Termas de Chaves. E, por último, o doutor José Miguel González Lemos tratou as medidas de seguridade en Atención Primaria.

Categorías: Notas de prensa | Etiquetas: , , ,