O Balneario de Lugo formará a futuros médicos no tratamento de doenzas reumatolóxicas

Máis do 70% dos pacientes afectados por doenzas reumatolóxicas melloran os seus síntomas tras recibiren tratamentos de balneoterapia

Os hidrólogos recomendan a cura termal para tratar reumatismos dexenerativos como as artroses e doenzas inflamatorias como a artrite reumatoide, xunto con ciáticas, lumbalxias ou a gota

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2020 (Vía Láctea Comunicación).- No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, o Balneario de Lugo-Termas Romanas acolle esta fin de semana unhas xornadas sobre a aplicación da balneoterapia en pacientes con problemas reumatolóxicos. Un grupo de futuros médicos, que se están a formar na cura termal, coñecerán o valor terapéutico das augas mineromedicinais en relación a estas doenzas.

Os pacientes reumáticos adoitan ser persoas maiores, posto que este tipo de trastornos increméntanse a medida que a idade avanza. Pero pode afectar a individuos de calquera idade, como ocorre coa artrite reumatoide xuvenil.

A directora médico do Balneario de Lugo, Ascensión Sánchez, salienta “o valor terapéutico das augas sulfuradas para combater procesos reumatolóxicos, debido á súa acción antiinflamatoria, analxésica e descontracturante; ao tempo que facilitan a mobilidade articular, reducen a rixidez e combaten a dor”. Empréganse en particular para tratar todo tipo de reumatismos dexenerativos como as artroses -dende a de xeonllos ata a de columna-, ademais de doenzas inflamatorias como a artrite reumatoide, xunto con ciáticas, lumbalxias ou a gota. Tamén son efectivas para abordar as secuelas de traumatismos e cirurxías do aparato locomotor.

A doutora sinala que se valora a cada paciente para ver o seu estado xeral e a fase evolutiva na que se atopa a enfermidade. En función deste exame médico, aplícanse tratamentos personalizados, baseados en chorros termais, duchas circulares e baños -tanto en bañeira como en piscina-. E, ademais, engádense outras técnicas complementarias ás augas mineromedicinais como os parafangos (arxilas quentes), sesións de masaxes e de fisioterapia -mediante exercicios en seco ou en piscina-.

Segundo explica a doutora, “a duración mínima dos tratamentos é de 9 días e os resultados son moi satisfactorios”. Así, asegura que máis do 70% dos pacientes logran unha importante melloría no seu estado de saúde e, en consecuencia, na súa calidade de vida. Ademais, conséguese reducir a inxesta de medicamentos, en particular analxésicos e antiinflamatarios.

A doutora lembra que a doenza reumatolóxica máis común en persoas da terceira idade é a artrose. Pola súa parte, os pacientes de idade media acoden ao balneario con problemas musculares, na súa maioría con lumbalxia ou cervicalxia, provocados sobre todo polo estilo de vida ou debido a unha mala postura no traballo.

Os futuros médicos coñecerán distintos tipos de técnicas e tratamentos nas piscinas termais

As xornadas comezan o venres 6 mañá pola tarde coa intervención da doutora Rosa Meijide, catedrática de Hidroloxía Médica da Universidade da Coruña, que abordará o mecanismo de acción das augas mineromedicinais sobre as enfermidades reumatolóxicas. Logo os estudantes de Medicina farán unha visita polo Balneario de Lugo e finalmente realizarán unha sesión práctica para coñecer que tipo de técnicas e tratamentos se levan a cabo con estes pacientes nas piscinas termais.

O sábado pola mañá a doutora Ascensión Sánchez afondará no tratamento balneoterápico das doenzas reumatolóxicas. De seguido, o xerente da Asociación de Balnerios de Galicia, Benigno Amor, incidirá no panorama actual do termalismo na comunidade galega e explicaralles aos futuros facultativos a principal normativa que afecta ao sector. A xornada rematará pola tarde cunha sesión práctica no balneario.

Categorías: Notas de prensa | Etiquetas: , , ,