O Balneario de Arnoia acolle unha sesión da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia

A balneoterapia axuda a diminuír a dor e mellora a calidade de vida dos pacientes con doenzas reumáticas crónicas

Futuros médicos coñecerán esta fin de semana no Balneario de Arnoia os beneficios das augas no tratamento destas enfermidades

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2020 (Vía Láctea Comunicación).- O tratamento da patoloxía reumática crónica a través da balneoterapia. Este é o tema que vai centrar unhas xornadas que se celebran esta fin de semana no balneario ourensán de Arnoia, no marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia. Un grupo de estudantes galegos de Medicina que se están a formar na cura termal coñecerán as indicacións terapéuticas das augas mineromedicinais á hora de abordar a estes pacientes.

A coordinadora da Cátedra é a doutora Dolores Fernández Marcos. É médico especialista en hidroloxía médica e directora médico de Caldaria Termal, que aglutina os balnearios ourensáns de Arnoia, Laias (Cenlle) e Lobios. Salienta que “a dor ligada ás doenzas de tipo reumático como a artrite, a artrose ou a osteoporose afecta gravemente ao benestar das persoas que as padecen”. Nesta liña, “as diversas técnicas balneoterapéuticas que se aplican na actualidade axudan a diminuír a dor mecánica e permiten, nos meses posteriores á cura termal, que os enfermos realicen as súas tarefas cotiás con mellor calidade de vida física, ao tempo que se reduce o estrés ou a ansiedade derivados de tales síntomas” -manifesta a doutora-. Afirma que “a cura termal non é resolutiva en si mesma, pero contribúe en boa medida á melloría dos pacientes”.

A doutora destaca “o uso da balneoterapia como terapia paliativa e non agresiva que axuda a diminuír a intensidade e os brotes de dor”. E sinala que “a balneoterapia xa é coñecida por moitos destes pacientes pero aínda é unha gran descoñecida para os médicos, polo que queremos incidir nos beneficios que se obteñen ao recibir unha cura balnearia, non dende un punto de vista etiolóxico, pero si axudando a mellorar e a corrixir algúns dos efectos adversos derivados dunha rutina diaria con dor”.

Nestas xornadas participarán, ademais da doutora Fernández Marcos, a doutora do balneario de Arnoia, Ada Sevares, o doutor Tomás Marchena e a fisioterapeuta do centro, María Agras. Comezan o venres ás 16:30 horas, cunha sesión teórica que versará sobre os diferentes tipos de augas mineromedicinais que existen e as súas indicacións para abordar as patoloxías reumáticas. Logo realizarase un percorrido polo balneario, rematando a xornada con prácticas nas instalacións termais.

O sábado pola mañá os futuros médicos coñecerán os protocolos balneoterápicos que se levan a cabo para tratar doenzas de tipo reumático como a artrose de xeonllos, a artrose lumbar ou a artrose cervical. E achegaranse a unha serie de terapias que se poden desenvolver nas piscinas termais con estes pacientes. Pola tarde a xornada concluirá cunha sesión práctica no balneario, centrada na aplicación local de parafangos.

Categorías: Notas de prensa | Etiquetas: , , ,