A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia suspende todas as súas actividades por mor do coronavirus

Non se celebrarán as prácticas dos estudantes de Medicina nos balnearios nin o ciclo “A saúde é o que importa”

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2020 (Vía Láctea Comunicación).- A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia anuncia que suspende todas as actividades que tiña previstas por mor do coronavirus.

O director da Cátedra é o doutor Juan Gestal, Profesor Emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago. Salienta que “a situación actual aconsella suspender todas as actividades planificadas, que se retomarán cando mellore a situación epidemiolóxica e se resolva este problema de saúde”.

Prácticas nos balnearios

Esta fin de semana ían realizarse sesións teóricos-prácticas de alumnos da facultade de Medicina da Universidade de Santiago no balneario de Mondariz, para abordar o tratamento de pacientes xeriátricos a través da cura termal. E íanse celebrar outros seminarios a vindeira semana nos balnearios de Laias (Ourense), centrado na balneoterapia e o deporte; e en Caldelas de Tui, sobre o termalismo pediátrico. O doutor Gestal indica que “se as condicións epidemiolóxicas melloran e se mantén a disponibilidade dos balnearios, estas sesións recuperaranse no mes de setembro”.

Ciclo “A saúde é o que importa”

Tamén se apraza a segunda xornada deste ano do ciclo “A saúde é o que importa”, destinado a difundir entre a sociedade o valor terapéutico das augas mineromedicinais, que se ía celebrar a finais deste mes. Posiblemente se retome despois do verán, coa participación dos doutores Mario Páramo, xefe do Servizo de Psiquiatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago; Virginia Fernández, catedrática de Dermatoloxía do CHUS; e Javier Jorge Barreiro, profesor emérito de Anatomía Humana da USC e ex-xefe do Servizo de Rehabilitación do CHUS. Versará sobre as indicacións actuais da cura termal nos problemas psicosomáticos, enfermidades da pel e nos trastornos da motricidade e problemas neuro-ortopédicos.

Categorías: Notas de prensa | Etiquetas: , ,