Xente nun balneario

O ciclo “A saúde é o que importa” reunirá mañá mércores a diferentes especialistas médicos, que explicarán os beneficios da terapia termal para tratar determinadas enfermidades

A balneoterapia preséntase como un tratamento complementario moi efectivo para abordar a fibromialxia, unha doenza crónica que non ten cura e que afecta ao 2,5% da poboación


Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2020 (Vía Láctea Comunicación).- A Cátedra de Hidroloxía Médica Universidade de Santiago-Balnearios de Galicia promove o ciclo “A saúde é o que importa”. Está destinado a difundir entre a sociedade o valor terapéutico das augas mineromedicinais, en colaboración coa Fundación Araguaney.

Mañá mércores, ás 20:00 horas, celebrarase a primeira sesión desta segunda edición do ciclo, que se poñía en marcha en 2019. Terá lugar en Santiago, no Hotel Araguaney (salón Rahid), con entrada libre ata completar aforo. Comezará cunha mesa redonda na que se abordarán as indicacións actuais da cura termal na patoloxía das vías respiratorias superiores, na patoloxía venosa e linfática e na fibromialxia.

A mesa estará moderada polo director da Cátedra, o doutor Juan Gestal. Nela intervirán os doutores Carlos Martín Martín, xefe do Servizo de Otorrinolaringoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS); Manuel Martínez Pérez, profesor de Anxioloxía e Cirurxía Vascular; e Jesús Figueroa Rodríguez, xefe do Servizo de Rehabilitación do CHUS. Estes expertos manterán ademais un coloquio posterior co público asistente.

A balneoterapia logra reducir a dor nos pacientes con fibromialxia

O doutor Jesús Figueroa, xefe do Servizo de Rehabilitación do CHUS, indica que “a fibromialxia é unha síndrome de dor crónica que é bastante prevalente. Afecta a entre o 2 e o 2,5% da poboación española, sobre todo a mulleres. Caracterízase por unha dor xeneralizada en todo o corpo, rixidez matutina, trastorno do sono e alteración psicolóxica do paciente, día tras día”. O doutor salienta que esta doenza non ten cura, polo que cómpre recorrer á combinación de tratamento farmacolóxico con outro tipo de tratamentos complementarios.

Dentro dos tratamentos non farmacolóxicos máis eficaces, o experto destaca os beneficios da balneoterapia e a hidrocinesiterapia, que consiste na realización de exercicios na auga. Asegura que existen evidencias científicas de que a balneoterapia logra aliviar a sintomatoloxía destes pacientes, en particular no relativo á diminución da dor, conséguese unha importante melloría na súa funcionalidade e tamén no seu estado psicolóxico e, en consecuencia, mellora a súa calidade de vida.

“A balneoterapia é un bo tratamento, axuda a sobrelevar a enfermidade, minimiza o seu impacto” -manifesta o doutor Figueroa-. Afirna que “as propiedades mecánicas e químicas das augas mineromedicinais, xunto ao seu efecto térmico, son as causantes destes magníficos resultados”.

A balneoterapia é moi efectiva en doenzas vencelladas ás vías respiratorias

O doutor Carlos Martín, xefe do Servizo de Otorrinolaringoloxía do CHUS,sinala que “o tratamento termal resulta moi efectivo tanto no eido da neumoloxía como no da otorrinolaringoloxía. As vías respiratorias benefícianse directamente da acción mecánica das augas mineromedicinais, limpando as secrecións que se orixinan nas mesmas. Por outro lado, favorecen a vasodilatación, de xeito que o sangue chega ás paredes das mucosas, reparando as lesións que se poidan ter producido nelas. Ademais, aumenta a acción directa dos anticorpos sobre a parede mucosa das vías respiratoirias, polo que a cura termal tamén posúe un efecto inmunolóxico”.

O doutor salienta que as augas sulfuradas e bicarbonatadas, moi presentes nos balnearios da comunidade galega, son as que están especialmente indicadas para o tratamento dos trastornos de tipo respiratorio. As sulfuradas recoméndanse para as infeccións crónicas e agudas, mentres que as bicarbonatadas teñen unha acción particular sobre os procesos alérxicos. Pola súa parte, as augas cloradas estimulan a secreción e a regulación da mucosidade nas vías respiratorias.

O doutor Martín explica que este efecto é beneficioso tanto para adultos como para nenos. E apunta que o 30% das persoas que acuden a un balneario por unha enfermidade crónica fano por afeccións nas vías respiratorias. Incide ademais no feito de que a hidroterapia é unha parte importante do tratamento destas afeccións, que axuda ao tratamento médico habitual.

Os expertos aseguran que tratamento con augas mineromedicinais axuda a mellorar a insuficiencia venosa

Pola súa parte, o doutor Manuel Martínez, profesor de Anxioloxía e Cirurxía Vascular, pon de manifesto que “a terapia termal para abordar as patoloxías venosas e linfáticas é unha medida paliativa e non curativa, que permite mellorar os síntomas clínicos propios desas doenzas. O tratamento con augas mineromedicinais unha ou varias veces ao ano, en función da patoloxía, poder ser moi beneficioso”.

Segundo o experto, a terapéutica termal mellora esas molestias, resulta de grande utilidade en todos aqueles casos nos que a sintomatoloxía do paciente teña a indicación do apoio termal, mediante a utilización dunha serie de técnicas de hidroterapia que contribúen ao bo funcionamento do sistema venoso e linfático. Así, “o tratamento con augas mineromedicinais axuda a mellorar a insuficiencia venosa e contribúe en xeral a que os pacientes teñan unha mellor calidade de vida” -afirma-.

Categorías: Notas de prensa | Etiquetas: , , ,