Presentación da guía interactiva

Unha guía interactiva difundirá entre os escolares de toda Galicia a importancia para a saúde das augas mineromedicinais da comunidade

Promovida pola Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, permite visitar os 21 balnearios galegos a través da realidade aumentada

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, salientou que axudará aos máis novos a coidar a auga como recurso limitado

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2020 (Vía Láctea Comunicación).- A guía didáctica “Os balnearios galegos. Descubre as súas posibilidades para a saúde” é unha iniciativa da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, que este ano cumpre o seu 10º aniversario. Presentouse esta mañá na Universidade de Santiago, coa presenza da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar; a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; o director da Cátedra, o doutor Juan Gestal; Lorena Casal, profesora do Grupo de Investigación de Tecnoloxía Educativa da USC e autora da guía; a presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia, Marisol Espiño; e o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco Valdés.

Á presentación asistiron ademais o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor; xunto a directores e médicos dos balnearios galegos.

Desde a Cátedra de Hidroloxía Médica destacan a importancia de que as futuras xeracións coñezan xa desde a infancia a importante riqueza de augas mineromedicinais que existe en Galicia e os seus posibles usos. Por esta razón encargáronlle ao Grupo de Investigación de Tecnoloxía Educativa do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Universidade de Santiago a elaboración deste material didáctico interactivo en formato dixital e de alta calidade pegagóxica. “Con esta guía preténdese axudarlle ao profesorado e achegar o alumnado dos últimos cursos de primaria e primeiros da ESO de toda Galicia ao coñecemento da importancia da auga para a vida e, en especial, das augas mineromedicinais e as súas aplicacións na promoción da saúde, no tratamento das enfermidades e mesmo na procura do benestar” -salientou o director da Cátedra, o doutor Juan Gestal-.

Xa están a experimentar con este material os alumnos e profesores do Colexio O Cruce de Cerceda, o que permitirá avaliar o seu funcionamento co fin de poder realizar melloras no mesmo. A guía dustribuirase en todos os centros públicos e privados de Galicia. Nestes intres xa pode descargarse e difundirse libremente da páxina web de Balnearios de Galicia (www.balneariosdegalicia.gal) e do repositorio da USC.

O uso da realidade aumentada

A finalidade é que esta guía se empregue dentro das actividades enmarcadas nos ámbitos da Educación para a Saúde e do Coñecemento do Medio dos centros educativos. “Trátase dun recurso educativo que traballa a Educación para a Saúde dun xeito innovador, mediante a creación de contornos de aprendizaxe que combinan códigos textuais e audiovisuais, potencian o traballo interactivo e favorecen unha aprendizaxe activa e flexible” -salientou a profesora Lorena Casal-. Explicou que, a través do uso da realidade aumentada, pódese facer un percorrido polos 21 balnearios galegos a través de calquera dispositivo móbil.

Na súa intervención, a conselleira de Educación, Carmen Pomar, manifestou que “este material didáctico é unha boa noticia para todo o alumnado galego. Nesta época de preocupación polo coidado do medioambiente, axudará a reflexionar aos máis novos sobre o valor da auga, transmitindo o respecto por un recurso limitado, ao tempo que contribuirá a preservalo. Axudaraos a medrar como cidadáns respectuosos”.

A guía consta de cinco apartados nos que se combinan texto e enlaces con diferentes materiais didácticos dixitais. No primeiro amósase o ciclo da auga na natureza e a súa importancia para a saúde, como identificar os diferentes tipos de auga e coñecer os usos que se lle pode dar para fomentar un consumo responsable. No segundo defínense as augas mineromedicinais, a súa orixe, clasificación e propiedades. No terceiro analízanse as diferenzas entre balneoterapia e hidroterapia e os seus procedementos de aplicación. No cuarto defínese o balneario, os seus usos terapéuticos e de lecer, a cura balnearia, os diferentes métodos de aplicación das augas e os tipos de patoloxías que tratan. Finalmente, preséntase a Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia e as actividades que está a desenvolver.

A cura termal, moi útil no tratameto de numerosas patoloxías crónicas

O doutor Juan Gestal salientou que “as augas termais utilízanse dende a Antigüidade para o tratamento de numerosas patoloxías. Hoxe en día a cura termal, xa sexa como terapia coadxuvante das terapias medicamentosas, ou como remedio en si mesma, resulta moi útil no tratamento de numerosas patoloxías crónicas do aparato locomotor, respiratorio, da pel e doutros órganos; enfermidades todas elas que teñen unha elevada frecuencia e que supoñen unha carga importante para o noso sistema sanitario. Ademais, apenas ten contraindicacións nin efectos secundarios”.

Galicia, unha potencia termal

No transcurso da presentación Nava Castro puxo de relevo que Galicia é unha potencia termal, unha das rexións de Europa máis rica en augas minerais e termais, con máis de 300 mananciais, 21 balnearios e 7 dos 8 tipos de augas mineromedicinais que existen; fonte de saúde e benestar”. “Por iso é tan importante afondar na investigación e difusión das augas termais, na súa importancia para a saúde e no seu valor como recurso” -indicou a presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia, Marisol Espiño-.

A Universidade de Santiago conta desde 2009 cunha Cátedra de Hidroloxía Médica, creada coa finalidade de fomentar a docencia, a investigación e a difusión da balneoterapia nos futuros médicos.

Categorías: Notas de prensa | Etiquetas: , , ,