Os balnearios galegos presentan “Un descanso nos Camiños”, un produto turístico que combina o Camiño de Santiago e o seu contorno coa oferta termal.
Participan en Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, onde os balnearios están a amosar o seu compromiso co desenvolvemento sostible
Santiago de Compostela-Ourense, 20 de setembro de 2019 (Vía Láctea Comunicación).- A Asociación de Balnearios de Galicia participa estes días en Ourense en Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, que este ano cumpre a súa 19ª edición. Neste foro mundial de termalismo danse cita expertos procedentes de máis de trinta países. A finalidade é impulsar o mercado do turismo termal, ao tempo que se establecen vínculos científicos e comerciais entre os continentes europeo, americano e asiático.
A Asociación de Balnearios de Galicia, que conta cun stand na feira, está dando a coñecer as potencialidades de Galicia como primeiro destino termal de España dende a perspectiva mineira, sanitaria e turística. O xerente da entidade, Benigno Amor, está a incidir no valor das augas minerais e termais galegas dende o punto de vista do turismo, a innovación e a sustentación.
“Un descanso nos Camiños”
No marco desta feira, Benigno Amor interveu no “XIV Encuentro Internacional sobre Agua y Salud”, en particular na sesión sobre “Turismo, innovación y sostenibilidad”, na que se abordaron unha serie de estratexias para potenciar o turismo termal. Nesta liña, deu a coñecer a iniciativa “Un descanso nos Camiños”, un dos cinco proxectos aprobados polo Clúster de Turismo de Galicia, presentado pola Asociación de Balnearios de Galicia en colaboración coa Fundación Expourense, Caldaria e a Federación de Hostelería de Ourense.
“Un descanso nos Camiños” é un produto turístico que combina os Camiños de Santiago coa oferta dos balnearios. A proposta inclúe aloxamento de dúas e tres noites, cun programa termal; unha actividade de sendeirismo ou ruta próxima aos balnearios participantes, preferentemente coincidente cun tramo do Camiño de Santiago; ademais dunha actividade de tipo cultural ou de lecer no contorno do establecemento termal (visitas guiadas, enoturismo, turismo activo de baixo impacto, experiencia gastronómica…).
Para a promoción deste proxecto vaise editar un folleto para a súa distribución en feiras; crearase un microsite ao que se vai poder acceder desde as webs de Balnearios de Galicia, do Clúster de Turismo de Galicia e de Turgalicia; levarase a cabo unha campaña de comunicación en medios e redes sociais; realizaranse viaxes para operadores turísticos e axencias de viaxes; farase unha presentación para medios de comunicación e receptivos portugueses en Oporto, un workshop con axentes de viaxe e turoperadores durante a propia feira Termatalia…
Os balnearios, comprometidos co desenvolvemento sostible
No transcurso da xornada a Asociación de Balnearios de Galicia abordou tamén a posta en marcha dunha estratexia de divulgación e sensibilización social sobre os balnearios de Galicia como modelo de empresas comprometidas co desenvolvemento sostible. Así, contémplase o deseño e posta en funcionamento dunha nova páxina web da Asociación, o deseño dun folleto sobre as augas mineromedicinais dos balnearios de Galicia, xunto á organización da xornada “Termalismo sostible na Galicia do século XXI”.
A xornada “Termalismo sostible na Galicia do século XXI” está previsto que se desenvolva o vindeiro mes de novembro. No transcurso da mesma debaterase sobre a protección do recurso, a súa promoción e os retos de futuro do sector. Esta iniciativa diríxese tanto a profesionais vencellados ao sector dende diferentes ámbitos (Administración, Universidade, empresas) como a estudantes universitarios.
Os balnearios de Galicia
Forman parte da Asociación de Balnearios de Galicia 18 establecementos termais. Na provincia da Coruña atópanse o de Carballo e o de Compostela (Brión). En Lugo Augas Santas (Pantón) e Termas Romanas de Lugo. En Ourense están os de Arnoia, Baños de Molgas, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño). E en Pontevedra sitúanse os de Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños da Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Isla de La Toja, Gran Hotel La Toja e Mondariz.