A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia difundirá entre os escolares a importancia para a saúde das augas mineromedicinais

É unha iniciativa da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, que se deu a coñecer hoxe en Termatalia

Santiago-Ourense, 19 de setembro de 2019 (Vía Láctea Comunicación).- No marco de Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar que se está a celebrar estes días en Expourense, deuse a coñecer un avance da guía docente “Os balnearios de Galicia. Descubre as súas posibilidades para a saúde”. É unha iniciativa da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, que se está a elaborar en colaboración co Grupo de Investigación de Tecnoloxía Educativa do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Universidade de Santiago de Compostela.

O director da Cátedra, o doutor Juan Gestal Otero, explicou que se trata de difundir entre os escolares a importancia das augas mineromedicinais galegas e as súas posibilidades para a saúde. Salientou que “é un material didáctico interactivo en formato dixital, de alta calidade pedagóxica”. Unha vez se remate e se leve a cabo a presentación oficial, porase a disposición dos profesores dos últimos cursos de Educación Primaria (5º e 6º) e dos primeros cursos de Ensinanza Secundaria Obrigatoria (1º e 2º) de Galicia”.
A finalidade é que esta guía se empregue dentro das actividades enmarcadas nos ámbitos da Educación para a Saúde e do Coñecemento do Medio. Preténdese que o alumnado coñeza a importancia da auga para a vida, en particular a das augas mineromedicinais e as súas aplicacións, a través da balneoterapia, na promoción da saúde, o tratamento das enfermidades e o benestar.

“Trátase dun recurso educativo que traballa a Educación para a Saúde dun xeito innovador, mediante a creación de contornos de aprendizaxe que combinan códigos textuais e audiovisuais, potencian o traballo interactivo e favorecen unha aprendizaxe activa e flexible” -salienta o doutor-.

Os beneficios terapéuticos da balneoterapia

A guía deuse a coñecer dentro da sesión científica que sobre Hidroloxía Médica se celebrou na xornada de hoxe en Termatalia, promovida pola propia Cátedra de Hidroloxia Médica. Neste encontro participaron recoñecidos médicos hidrólogos procedentes de Francia, Italia, Cuba e Galicia; entre eles Rosa Meijide, catedrática de Hidroloxía Médica da Universidade da Coruña, académica numeraria da Real Academia de Medicina de Galicia. Na súa intervención abordou os beneficios terapéuticos da balneoterapia en relación ao tratamento das patoloxías músculo-esqueléticas.

No transcurso desta sesión -á que tamén asistiron alumnos dos últimos cursos do Grao de Medicina da Universidade de Santiago- tratáronse outros aspectos como a contribución do termalismo ao mantemento da saúde bucodental, a recuperación dos deportistas nos balnearios, a aplicación das augas mineromedicinais na rehabilitación de pacientes, ademais do tratamento de doentes neurolóxicos.

Categorías: Notas de prensa | Etiquetas: , ,