A aplicación “Auga de Galicia”, para smartphones e en galego, presentouse esta mañá en Termatalia

Permite localizar os perímetros de protección dos acuíferos de augas minerais que existen na nosa comunidade
É unha iniciativa do Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística

Santiago de Compostela-Ourense, 19 de setembro de 2019 (Vía Láctea Comunicación).- O Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia participa esta semana en Ourense en Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, que este ano cumpre a súa 19ª edición. O Clúster, que conta cun stand na feira, presentou esta mañá a aplicación en galego para smartphones “Auga de Galicia”, desenvolta en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Tal como explicou o xerente do Clúster, Benigno Amor, esta aplicación está destinada á valoración e protección dos acuíferos das augas minerais de Galicia. Permite xeolocalizar os perímetros de protección dos diferentes acuíferos de augas minerais que existen na comunidade, de grande interese para planificadores do territorio e para as Administracións Públicas. Así mesmo, permite recibir información diversa sobre os titulares da concesión do acuífero, obter indicacións de como chegar aos mesmos, entre outras posibilidades”.

Con esta iniciativa búscase ademais “sensibilizar ás Administracións Públicas, ao sector empresarial, aos planificadores urbanísticos e á sociedade en xeral sobre a importancia de protexer os acuíferos de augas minerais e a contorna natural na que se sitúan as plantas envasadoras e os establecementos balnearios” -sinalou Amor-.
No transcurso da presentación incidiuse no feito de que se está a contribuír a “difundir unha imaxe exterior da industria galega comprometida co desenvolvemento sostible, por canto balnearios e empresas de envasado de auga mineral natural están ofrecendo á sociedade un modelo de empresa sostible: axudan a mellorar a calidade de vida dos seus usuarios, non comprometen o futuro do recurso e dinamizan social e economicamente as comarcas nas que se atopan.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, salientou que a auga ten que estar tamén nos circuítos comerciais na nosa lingua

Na presentación da app estivo o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Na súa intervención puxo de manifesto que “a auga é unha das riquezas máis grandes que pode ter un territorio. No caso de Galicia, a auga é moito máis que un elemento natural, moito máis que un recurso; é un elemento cultural, de consumo, de lecer e un polo de atracción turística. Un elemento que agora estamos a situar nas plataformas móbiles porque a auga ten que estar tamén nos circuítos comerciais na nosa lingua. En relación á promoción da nosa auga e da nosa lingua, remarcou que é importante “que vaian sempre collidas da man”.

Galicia conta co 15% dos mananciais que hai en España, o 10% das plantas de envasado de auga mineral natural e o 19% dos balnearios

Galicia é unha das rexións europeas con maior riqueza en augas minerais e termais e, en consecuencia, con maior tradición no seu uso como augas de bebida envasada e en balnearios. O número de mananciais existentes en Galicia é superior a 300 (algo máis de 2.000 en España), o que deu lugar a unha industria moi activa vencellada á explotación de augas minerais, con 10 plantas de envasado de auga mineral natural (100 en España) e 22 balnearios (115 en España).

Unha experiencia única en Europa que aglutina balnearios e augas envasadas de toda Galicia

O Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia aglutina ás dúas asociacións empresariais galegas vencelladas á explotación do recurso: a Asociación de Balnearios de Galicia e a Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural (Agamin). Constituíuse en 2011 impulsado por diversas asociacións e a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Xunta de Galicia. É unha experiencia única en Europa, xa que non existe ningunha que aglutine os balnearios e as empresas de augas envasadas.

Forman parte da Asociación de Balnearios de Galicia 18 establecementos termais. Na provincia da Coruña atópanse o de Carballo e o de Compostela (Brión). En Lugo Augas Santas (Pantón) e Termas Romanas de Lugo. En Ourense están os de Arnoia, Baños de Molgas, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño). E en Pontevedra sitúanse os de Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños da Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Isla de La Toja, Gran Hotel La Toja e Mondariz.

Pola súa parte, Agamin conta con seis empresas asociadas: Fontecelta e Aguas de Cospeito (Fontoira), na provincia de Lugo; Aguas de Cabreiroá e Sousas, na provincia de Ourense; e Agua Sana e San Xinés na de Pontevedra.

Categorías: Notas de prensa | Etiquetas: , ,