Hotel Eurostars Isla de la Toja

Hotel Eurostars Isla de la Toja

Tipos de aguas

Ofrece augas clorurado-sódicas, bromuradas, ferruxinosas, fluoradas e litínicas; ricas en calcio, potasio e magnesio. Son augas hipertermais pola súa temperatura, que oscila entre os 20 e 60 °C.

Indicacións terapéuticas

  • terapias dermatolóxicas
  • reumatismos
  • rehabilitación e recuperación muscular
  • aparato respiratorio
  • estrés

Programas

Dispón de técnicas de tratamento hidrotermais:

  • baños de auga mineiromedicinal
  • masaxes baixo auga (ducha vichy)
  • duchas jet
  • pulverizacións
  • aerosoles
  • ducha nasal

Estas técnicas compleméntanse con:

  • parafangos
  • masaxes relaxantes e terapéuticas
  • envolturas de algas e con sales da Toxa
  • peloides (lodo termal indicado para psoríase, dermatite…)

Servizos hoteleiros

O hotel conta con 104 habitacións, con wifi gratuíto. Ten unha biblioteca e unha sala de televisión, un centro de congresos e convencións, ademais de tres restaurantes e dúas cafeterías. Os visitantes poderán gozar tamén dunha piscina exterior de 190 m2, clínica de rehabilitación e club de fitness. Dispón de aparcamento.

Historia

Unha edificación mixta, na que se conxuga a recuperación da antiga fábrica de xabróns da Toxa con zonas de nova creación. Alberga o hotel e o balneario, que ocupa 4.000 m2 da parte baixa, con espazos cubertos e ao aire libre destinados a centro terapéutico e a club termolúdico. Destacan as grandes cristaleiras que pechan a piscina mariña e dende a que hai fermosas vistas á ría de Arousa.

O Contorno

A Toxa - O Grove

Hotel Eurostars Isla de la Toja

A illa da Toxa, declarada Centro de Interese Turístico Nacional, pertence ao concello do Grove, formado por unha pequena península que separa as Rías de Arousa e Pontevedra. A beleza da súa costa e da propia illa teñen convertido a esta vila nun dos destinos turísticos máis importantes de Galicia.

www.turismogrove.com

Para o tempo de lecer a illa da Toxa ofrece infinitas posibilidades. Dende o seu casino, onde poderá gozar como espectador ou protagonista, ata as máis completas instalacións deportivas: club de golf en primeira liña de mar, pistas de tenis, paddle, tiro ao voo, tiro con arco, piscinas, excursións marítimas…

Nun paseo polas súas rúas de exuberante vexetación pódese visitar a ermida de San Sebastián, construída no século XII e totalmente recuberta de cunchas de vieiras.

A Lanzada

O territorio conta cun gran número de areais de características moi variadas. Destaca a praia da Lanzada, unha das máis grandes de Galicia (2 km), que transcorre entre os municipios do Grove e Sanxenxo. Ten bandeira azul e ofrece numerosos servizos para o visitante; ademais, é idónea para a práctica de deportes como vela, surf ou parapente.

Ao final da praia atópanse os restos da Fortaleza da Lanzada, levantada no século X como sistema defensivo ante as invasións viquingas e normandas. Próxima á fortaleza está a ermida, lugar marcado polo culto ás augas onde se celebra, a véspera de San Xoán, a romaría do "baño das nove olas" para pedir marido as solteiras e fillos as casadas.

Outros areais

Na illa da Toxa a praia atópase ao final da ponte de 200 metros que a une á península. A costa de San Vicente do Mar é unha sucesión interminable de pequenas e fermosas calas para os que prefiran a tranquilidade.

Información

Tipo de aloxamento:
Hotel balneario ****

Número de Rexistro Sanitario:
C-36-001074

Temporada de apertura:
Todo o ano

Enderezo:
36991 Illa da Toxa.
O Grove (Pontevedra)
Tel: 986 730 050
Fax: 986 730 101

Correo-e: info@eurostarsisladelatoja.com

Web: www.eurostarsisladelatoja.com

Galería