Hotel Balneario de Compostela (Brión)

Hotel Balneario Santiago de Compostela

Tipos de augas

As súas augas mineiromedicinais son do tipo sulfuradas, bicarbonatado-sódicas, silicatadas e fluoradas.

Indicacións terapéuticas

  • Prevención e tratamento de problemas psicolóxicos (estrés, ansiedade, depresión e do sistema nervioso).
  • Reumatismos crónicos.
  • Enfermidades respiratorias crónicas (EPOC, asma e bronquiectasias).
  • Destaca a súa efectividade para tratar enfermidades da pel e problemas de articulacións como artrose, artrite…

Programas

  • piscina para usos terapéuticos e dúas dinámicas, con diferentes elementos lúdicos, aptas tanto para nenos como para adultos
  • baños mineiro-medicinais con bañeiras niágara e xamaica
  • chorros
  • inhalacións
  • ducha vichy
  • sala de fisioterapia e rehabilitación
  • envolvementos de algas e fangos
  • masaxes
  • presoterapia
  • ultratone
  • tratamentos de estética facial e corporal

Servizos Hoteleiros

O hotel, unido ao balneario a través dun corredor, dispón de 59 habitacións exteriores, distribuídas en habitacións dobres, familiares e junior suites, todas equipadas con wifi gratuíto. Ofrece servizo de restaurante, bar-cafetería, salóns para xuntanzas e banquetes, e un amplo e excelente centro de fitness. No verán pódese gozar de dúas magníficas terrazas, unha no edificio do balneario e outra na primeira planta do hotel.

Ademais, o visitante poderá practicar turismo activo nas súas inmediacións, cunha variada oferta, e un campo de golf a quince minutos do hotel.

Historia

As orixes do manancial de Nosa Señora dos Anxos remóntanse con toda probabilidade á época romana, xa que por estas terras pasaba a via cessum. As primeiras referencias históricas da utilización destas augas datan de 1813 e en 1928 recibiron a consideración de Augas Mineiromedicinais de Utilidade Pública. O balneario de Compostela é unha edificación contemporánea de granito, proxectada a finais do século XX polo arquitecto César Portela.

O Contorno

Brión - Santiago de Compostela

O municipio coruñés de Brión, situado no fermoso val da Maía, atópase a uns dez minutos do centro de Santiago de Compostela e a quince minutos da vila mariñeira de Noia.

O Balneario de Compostela está ademais moi preto de Bertamiráns, núcleo do concello de Ames. O territorio é ideal para gozar da natureza, xunto cun rico patrimonio monumental e arquitectónico.

www.concellodebrion.org | www.concellodeames.gal | www.concellodenegreira.gal | www.santiagoturismo.com

O val da Maía mantén unha vinculación moi estreita coa insigne poetisa Rosalía de Castro. Na parroquia de Ortoño, pertencente ao municipio de Ames, consérvase a casa na que viviu durante a súa infancia cunhas tías paternas, antes de trasladarse a Padrón.

O territorio é zona de paso do Camiño de Santiago cara a Finisterre. Nestas terras atópase un dos lugares de maior beleza paisaxística do Camiño, Ponte Maceira (Ames). A aldea está atravesada polo río Tambre, sobre o que se asenta a praia fluvial de Tapia, cunha preciosa fervenza. En Ponte Maceira pódese visitar un conxunto monumental constituído por un poboado da época medieval, un antigo muíño, un encoro, unha capela, un pazo moderno e unha magnífica ponte construída no século XIII aproveitando os piares dunha ponte romana anterior.

A localidade de Brión está moi unida a Santa Minia, unha adolescente mártir dos tempos do imperio romano á que veneran dende 1848. A urna cos restos da santa está exposta na capela que leva o seu nome e que aínda está inacabada.

E moi concorrida é tamén a Carballeira de Santa Minia, onde ten lugar a romaría máis importante do municipio, a finais de setembro. Esta afamada celebración recibe numerosos visitantes procedentes de distintos puntos de Galicia, doutras comunidades autónomas e do norte de Portugal. É unha excelente oportunidade para degustar o polbo á feira.

Os visitantes que cheguen a Brión terán tamén a oportunidade de achegarse a Santiago de Compostela, visitar a Catedral, percorrer as súas rúas históricas, coñecer os seus museos, a Cidade da Cultura, degustar as súas tapas… Os que prefiran gozar do mar, a veciña vila de Noia e toda a súa ría ata Muros, ofrece multitude de posibilidades, coas súas praias e a súa rica gastronomía ligada aos produtos da pesca.

Información

Tipo de aloxamento:
Hotel balneario *** SUP

Número de Rexistro Sanitario:
SA101G 2005/1-0

Temporada de apertura:
Todo o ano

Enderezo:
Estrada Santiago-Noia, AC 543, km 8.
Os Ánxeles 15280 Brión (A Coruña)
Tel.: 981 559 000
Fax: 981 884 817

Correo-e: hotel@hbcompostela.com

Web: www.hbcompostela.com

Galería