Eurostars Gran Hotel La Toja

Eurostars Gran Hotel La Toja

Tipos de aguas

As augas mineiromedicinais termais do balneario do Gran Hotel La Toja posúen unha composición química especial que lle confire as súas propiedades únicas, caracterizándose por ser clorudadas sódicas e fluoradas, cun alto contido de elementos mineralizantes especiais como ferro, bromo, estroncio, litio, calcio e magnesio, entre outros; cunha temperatura de entre 20 e 60 °C.

Indicacións terapéuticas

  • terapias dermatolóxicas
  • afeccións respiratorias
  • rehabilitacións ou recuperacións musculares
  • reumatismos
  • ansiedade e estrés

Programas

Dispón de técnicas de tratamento como:

  • bañeiras de hidromasaxe con auga mineiromedicinal
  • parafangos
  • masaxes baixo auga (ducha vichy)
  • duchas jet
  • tratamentos con sales da Toxa
  • pulverizacións
  • nebulizacións
  • ducha nasal

A tradición balneoterápica do seu Balneario convive en harmonía coas innovadoras instalacións termolúdicas do seu Club Termal, que consta de:

  • piscina dinámica interior climatizada
  • cascada
  • colos de cisne
  • camas de burbullas
  • contracorrentes
  • sauna finlandesa
  • baño turco
  • duchas secuenciais cromoterápicas bitérmicas
  • ducha nebulizante
  • pediluvio hidrotermal de contraste
  • jacuzzi mariño automático
  • sala de relaxación con músico e cromoterapia
  • fitness center

Servizos hoteleiros

O Gran Hotel La Toja, situado no corazón da Ría de Arousa, na illa da Toxa, ofrece un contorno de gran beleza. É o único hotel balneario de cinco estrelas que existe en Galicia.

Ten 197 habitacións -entre estándar e suites- con vistas ao mar ou aos xardíns que o rodean. Ademais de todos os servizos propios dun hotel da súa categoría, conta con piscina climatizada exterior (aberta en verán), canchas de tenis e paddle, restaurante, cafetería, amplos salóns, xardíns, parque infantil e capela. Dispón tamén dun Pavillón de Congresos con capacidade para 500 persoas, polo que resulta un lugar idóneo tanto para clientes individuais como de empresa e para celebracións familiares ou de negocios.

Historia

En 1899 convócase un concurso internacional para a construción dun gran hotel balneario na illa da Toxa, do que sae gañador o ourensán Daniel Vázquez-Gulías. Rematado o edificio, e tras varios anos aberto, a guerra converterao nun improvisado hospital, volvendo a funcionar despois como hotel-balneario. En 1945 a edificación eclecticista sufrirá unha gran reforma da man de Francisco Javier Sanz y Martínez. No seu interior destaca o mural pictórico do pontevedrés Rafael Úbeda, situado na entrada ao balneario.

O Contorno

A Toxa - O Grove

Eurostars Gran Hotel La Toja

A emblemática e lendaria Illa da Toxa, declarada Centro de Interese Turístico Nacional e situada no corazón da Ría de Arousa, atópase a 1 km da poboación mariñeira do Grove, a 3 km da praia da Lanzada, 33 de Pontevedra, 60 de Vigo, 83 de Santiago de Compostela e a 160 km da Coruña.

Na illa da Toxa pódese visitar a Capela de Nosa Señora do Carmen (Capela das Conchas), a Ponte da Toxa (de principios do século XX), dar agradables paseos pola beira do mar, realizar rutas de sendeirismo ou deleitarse tomando un café, gozando das privilexiadas vistas que ofrece o histórico Gran Hotel La Toja.

As actividades culturais máis destacadas do Grove son: o Entroido; as Festas da Virxe do Carmen (16 de xullo); e a Festa do Marisco (1ª quincena de outubro), que se celebra de maneira ininterrumpida dende 1963, cada ano cun maior número de asistentes. Tamén destaca o Simposium de Escultura, o Certame de Habaneiras e as Xornadas de Exaltación da Centola (a finais de novembro ou principios de decembro).

www.turismogrove.com | www.sanxenxotur.com

A riqueza de peixes e mariscos, acompañados principalmente dos viños brancos ribeiro e albariño, converten ao O Grove na capital gastronómica da costa galega. Os peixes máis apreciados son a merluza, o rodaballo, a robaliza, o mero e o linguado. En canto ao marisco, destacan centola, camaróns, nécoras, percebes, mexillóns, ameixas, ostras, langosta e lumbrigante, entre outros.

Ao lado do Grove atópase o concello de Sanxenxo, un dos máis turísticos de Galicia, que ofrece múltiples posibilidades aos seus visitantes.

Outras visitas interesantes son as Rutas do Viño Rías Baixas, o litoral do Salnés, Combarro, Cambados, Pontevedra, Península do Morrazo e Santiago de Compostela. Tamén é posible realizar excursións marítimas ao Parque das Illas Atlánticas (Cíes, Ons, Sálvora…), Ría de Arousa, Ruta Xacobea…

Información

Tipo de aloxamento:
Hotel balneario *****

Número de Rexistro Sanitario:
C-36-000946

Temporada de apertura:
Todo o ano

Enderezo:
36991 Illa da Toxa.
O Grove (Pontevedra)
Tel: 986 730 025
986 803 224 (reservas)
Fax: 986 730 026

Correo-e: reservas@eurostarsgranhotellatoja.com

Web: www.eurostarsgranhotellatoja.com

Galería