Arnoia Caldaria Hotel Balneario

Arnoia Caldaria Hotel Balneario

Tipos de aguas

Dispón de augas sulfurado-sódicas, bicarbonatadas e magnésicas. Emanan a unha temperatura de 22 °C.

Indicacións terapéuticas

  • tratamentos da reuma
  • afeccións da pel
  • axudan a combater o estrés

Programas

  • baños
  • duchas
  • chorros
  • jacuzzi
  • paseos contracorrentes
  • colos de cisne
  • piscina interior e exterior
  • ofrece masaxes, rehabilitación, hidromasaxe, baños de vapor, parafangos e cromoterapia

Servizos Hoteleiros

O hotel dispón de habitacións exteriores perfectamente equipadas, algunhas con terraza. Tanto os accesos como o conxunto das estancias están acondicionados para minusválidos. Ten ximnasio, café bar, restaurante, salas de estar, salóns para convencións, salón de peiteado, parque infantil e pista polideportiva. Conta tamén con tenda de artesanía, prensa e produtos da comarca. Organízanse, ademais, cruceiros en catamarán polo río Miño.

Historia

Nesta zona localizábanse as Augas de Reza, un manancial utilizado historicamente polos agricultores e veciños do lugar. Coa construción do encoro de Frieira o manancial quedou asolagado. A principios dos anos 90 a Fundación San Rosendo de Cáritas Diocesanas construíu un moderno complexo hoteleiro-termal-xeriátrico, que se inaugurou en 1995. Trátase dun edificio moderno realizado con perpiaños de granito e coa fachada principal mirando ao río.

O Contorno

Arnoia - O Ribeiro

Vista Exterior do Balneario

Arnoia está situada en pleno corazón do Ribeiro, xunto aos ríos Miño e Arnoia, moi próxima á vila histórica de Ribadavia, a 36 km de Ourense e limítrofe coa provincia de Pontevedra. Ademais do val -onde se traballan os cultivos de viñas e hortalizas, en particular os seus afamados pementos- érguese un elevado terreo rochoso e forestal.

www.arnoia.es

É un privilexio poder gozar das ribeiras do Miño, de gran beleza paisaxística, a través dunha viaxe en catamarán. E contemplar o canón do río Arnoia, que dá lugar a paraxes como A Peneda. Seguindo río abaixo atópanse diversas áreas recreativas onde poder relaxarse, con muíños recuperados doutras épocas. Ademais, os ríos teñen zonas apropiadas para a práctica do rafting e do piragüismo.

Os amantes da pesca (troitas, anguías e outras especies) e da caza (xabarín, coello e perdiz) atoparán recunchos idóneos para gozar destas afeccións. Ademais, existen varias rutas de sendeirismo, perfectamente sinalizadas, con algúns tramos para realizar a pé e outros en bicicleta, como a Ruta dos Ríos e a Ruta dos Montes. Tamén se poden facer percorridos a cabalo ou seguir a Ruta dos Balnearios.

Un percorrido polo territorio permitirá ao visitante remontarse ao pasado. Dende a época dos castros, gozando de asentamentos como «A Cibdade» e «O Castro», contemplando as pegadas deixadas polo paso dos romanos, ata o avoengo das casas señoriais propiedade noutros tempos da Inquisición. E dende aquí pódese emprender unha magnífica ruta polos mosteiros do Ribeiro.

O Ribeiro é unha terra dedicada ao viño dende o tempo en que os romanos trouxeron consigo a cultura da vide, hai máis de dous mil anos. A Ruta do Viño permite visitar as adegas, enotecas e museos do viño, así como realizar diversas actividades culturais e deportivas. Son máis de vinte as adegas que ofertan a posibilidade de percorrer as súas instalacións, para achegarse aos procesos de elaboración, coñecer os viños e probalos no mellor ambiente.

Información

Tipo de aloxamento:
Hotel balneario ***

Número de Rexistro Sanitario:
C-32-000276

Temporada de apertura:
Todo o ano

Enderezo:
Vila Termal, 1
32417 Arnoia (Ourense)
Tel: 988 492 400
Fax: 988 492 422

Central de reservas Caldaria:
Tel: 902 492 400
Fax: 988 280 484

Correo-e:
reservas@caldaria.es
arnoia@caldaria.es

Web: www.caldaria.es

Galería