A Cátedra

Cátedra de Hidroloxía Médica

A docencia de Hidroloxía Médica comezou a impartirse na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela no ano 2006, froito dun acordo coa Asociación de Balnearios de Galicia. Catro anos despois nacía, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, a Cátedra de Hidroloxía Médica, a segunda que existía en España, e que forma cada curso a máis dun centenar de alumnos.

O director da Cátedra é o doutor Juan Gestal Otero, Profesor Emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago.

Os alumnos inícianse na utilización da balneoterapia realizando sesións prácticas en balnearios da comunidade, que se complementan con sesións teóricas. Nos balnearios coñecen o valor terapéutico das augas mineromedicinais no tratamento da dor, nas patoloxías reumáticas, nos procesos de rehabilitación, así como os seus beneficios de cara a un avellentamento activo ou o termalismo pediátrico. Tamén se afonda en diferentes terapias e técnicas termais, ao tempo que se presentan as indicacións actuais da balneoterapia nos procesos crónicos e na promoción xeral do benestar.

A través da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia contribúese a que os futuros médicos coñezan as indicacións terapéuticas dos distintos tipos de augas mineromedicinais que existen nos balnearios galegos. E indagan na relevancia da balneoterapia como factor coadxuvante na prevención, tratamento e rehabilitación de procesos patolóxicos de evolución crónica.