Celébrase unha nova edición de “A saúde é o que importa”, un ciclo que busca difundir entre a sociedade o valor terapéutico das augas mineromedicinais

A primeira xornada deste ano, que terá lugar a vindeira semana, abordará os beneficios da balneoterapia para tratar a fibromialxia, as patoloxías respiratorias e as venosas e linfáticas

É unha iniciativa da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, en colaboración coa Fundación Araguaney

__________________________________________________________________

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2020 (Vía Láctea Comunicación).- Baixo o título “A saúde é o que importa”, a Cátedra de Hidroloxía Médica Universidade de Santiago-Balnearios de Galicia promove un ciclo destinado a difundir entre a sociedade o valor terapéutico das augas mineromedicinais. Esta iniciativa, que arrancaba en 2019, conta coa colaboración da Fundación Araguaney.

A primeira sesión deste ano terá lugar a vindeira semana, o mércores 19 de febreiro. Celebrarase en Santiago, no salón Rahid do Hotel Araguaney, a partir das 20:00 horas, con entrada libre ata completar aforo. Comezará cunha mesa redonda na que se abordarán as indicacións actuais da cura termal na patoloxía de vías respiratorias superiores, na patoloxía venosa e linfática e na fibromialxia.

Como moderador desta mesa redonda actuará o director da Cátedra, o doutor Juan Gestal. Nela intervirán os doutores Carlos Martín Martín, xefe do Servizo de Otorrinolaringoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS); Manuel Martínez Pérez, profesor de Anxioloxía e Cirurxía Vascular; e Jesús Figueroa Rodríguez, xefe do Servizo de Rehabilitación do CHUS. Estes expertos manterán ademais un coloquio posterior co público asistente.

O doutor Gestal sinala que “o obxectivo principal deste ciclo é dar a coñecer entre o conxunto da poboación as indicacións médicas que a balneoterapia ten na actualidade, coa participación de especialistas sanitarios de recoñecido prestixio”. E salienta que esta actividade vén a complementar ao Vademécum de augas mineromedicinais de Galicia, que se distribuíu entre os médicos de Atención Primaria e que reúne as indicacións terapéuticas das diferentes aguas dos balnearios galegos.

“Hoxe en día estase a volver de novo ao uso da balneoterapia como tratamento exclusivo ou coadxuvante doutros tratamentos médicos. Isto débese en boa medida ao avellentamento da poboación, que fai que as doenzas crónicas sexan cada vez máis frecuentes” -manifesta o doutor Gestal-.

Categorías: Notas de prensa | Etiquetas: , , , ,